Sunday 05 de May de 2024

Aforo completo na VI Exhibición de Patinaxe Artística Concello de Ordes


Na convocatoria deste ano participaron máis de 300 deportistas, tanto de clubes e escolas locais como doutros puntos de fóra do municipio

Nun pavillón Castelao I abarrotado de público máis de 300 patinadores de distintas idades participaron ao longo desta mañá na VI Exhibición de Patinaxe Artística Concello de Ordes.
As integrantes dos equipos de ximnasia rítmica dos CEIP Campomaior e Castelao foron as encargadas de abrir o espectáculo. Inmedatamente despois chegoulle o turno aos patinadores e patinadoras dos equipos de ambos centros e do Mesón do Vento, así como das escolas municipais de Tordoia e Baio, do colexio Torrente Ballester (Cambre) e para os clubs da Costa da Morte e Galia de Ordes. Este último, xunto co Departamento de Deportes do Concello e a empresa Adestra Servizos Deportivos foron os responsables de organizar esta nova convocatoria, a cal non defraudou a ninguén.
Momento sinalado foi a posta en escea da patinadora local Alba Diéguez, unha das maiores e máis sobresaíntes promesas desta modalidade deportiva de toda Galicia. Alba Diéguez foi moi aplaudida e vitoreada por todas e todos os asistentes ao acto, entre os que se atopaban os concelleiros Beatriz Martínez, José Manuel Rodríguez, Susana García e Luís Caamaño.